O Proxecto

Un proxecto colaborativo para recoller o galego de Valdeorras. Coas aportacións da veciñanza pomos en valor a nosa fala e creamos o glosario co que soñaba Florencio Delgado Gurriarán.

A fala de Valdeorras

O galego, como todas as linguas, forma parte dun continuum no que, ademais dos vínculos co portugués, o asturiano, o llionés e o castelán, xurdiron variedades territoriais marcadas polo tempo, a historia e ata os accidentes xeográficos, creando bloques lingüísticos ben diferenciados. No caso de Valdeorras, forma parte do bloque oriental do galego, onde a fala conforma unha subzona lingüística con Viana do Bolo.

O léxico da comarca ten moito que ver coa súa identidade paisaxística e sociocultural con formas que identifican, por exemplo, a flora mediterránea, a minería ou a viticultura. Trátase dun vocabulario rico pero en progresivo desuso polas mudanzas no estilo de vida e o escaso uso do galego entre a mocidade.

Obxectivos e metodoloxía

Este dicionario é a nosa aposta pola recuperación, conservación e estudo do léxico propio de Valdeorras, mantendo viva a riqueza da súa fala, algo que Florencio fixo a través da lírica. En marcha desde marzo de 2025, trátase dun proxecto colaborativo que incorpora as achegas da veciñanza con formularios creados con criterios filolóxicos, de maneira que a recollida poda servir de base a futuras investigacións sobre a nosa realidade lingüística.

Ademais da plataforma web, dende a Fundación realizamos dinámicas de difusión e dinamización en centros educativos, asociacións veciñais, colectivos profesionais, etcétera. Se estiverades interesados en ter unha formación presencial ou que vos visitaramos para explicar o proxecto podedes contactarnos en dicionario@florenciodelgadogurriaran.gal

Como facer unha achega

O proceso para facer achegas ou comentar as de outros é moi sinxelo.

  1. Debes crear un usuario cun nome e un correo electrónico como únicos datos obrigatorios. Se sodes un colectivo podedes crear un usuario como tal.
  2. Para subir un termo só tes que entrar en NOVA ACHEGA e cubrir o formulario. A aportación pode ser todo o detallada que consideres. Os únicos datos obrigatorios están marcados con asterisco (*).
  3. Ten en conta que o usuario/a é a persoa que fai a achega e polo tanto usa a plataforma e o/a informante é que aporta a palabra, a quen se lle escoitou. Os únicos datos dos informantes que se farán públicos son o nome e lugar de nacemento en caso de aportalos. O resto pasan a integrar a base de datos da recollida para posibles análises e investigacións.
  4. Recomendámosche que comprobes antes se a palabra xa está no dicionario e tamén aí poderás completala con nova información como lugares onde se usa, variantes, etcétera.
  5. As aportacións, tanto de termos como de frases, serán revisadas polo noso equipo antes de facerse públicas. Pode que modifiquemos a definición e os exemplos para adaptalos ao estilo do dicionario e completalos, pero mantendo a intención da achega orixinal.
  6. En canto se recibe unha achega, se non está repetida, súbese á plataforma coa etiqueta de "En revisión". Unha vez valorada pola comisión de lingua da Fundación pasará a estar incorporada ou descartada. En ambos casos deixaranse visibles na web xunto cos argumentos que explican a decisión.

Comisión de lingua

Os integrantes da comisión de lingua encárganse de revisar os termos enviados á plataforma e decidir se cumplen os criterios lingüísticos para ser considerados léxico propio de Valdeorras.

Débora Álvarez Moldes

Licenciada en Filoloxía Galega. Profesora de secundaria e xerente da Fundación FDG.

Eduardo Louredo Rodríguez

Doutor en Lingüística. Profesor de secundaria no IES Cosme López, A Rúa.

Manuel Agra Villar

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesor de secundaria xubilado.

Margarida Pizcueta

Licenciada en Filoloxía Galega. Concelleira de Cultura do Barco.

Mª Elva Delgado Vázquez

Licenciada en Filoloxía Francesa e Inglesa. Mestra xubilada.

Noelia Estévez Rionegro

Doutora en Lingüística. Docente e Investigadora da Univ. de Santiago de Compostela.

Sara Rodríguez

Graduada en Tradución e Interpretación. Autora do "Dicionario do Galego do Bierzo"

Colaboradores

Aquí recoñecemos como colaboradores aos usuarios da plataforma que teñen enviado máis de 25 termos incorporados ao dicionario. Grazas!

CO APOIO DE

Logo da Xunta de Galicia
Erro
Éxito

Mensaje