Artigos

Fraseoloxía de Valdeorras

Un retrato lingüístico e idiosincrático da comarca

Autor/a:
Noelia Estévez Rionegro
Data:
4/5/2025

No ámbito da lingüística, a fraseoloxía é a disciplina dedicada ao estudo das expresións fixas da lingua, como as frases feitas, os refráns ou os modismos. As primeiras achegas á fraseoloxía galega aparecen espalladas en vocabularios, dicionarios e gramáticas (EGU, 1999). Cómpre salientar as contribucións, no século XVIII, do Padre Sobreira (Papeletas de un Diccionario Gallego) e frei Martín Sarmiento (Colección de voces y frases gallegas, Catálogo de voces y frases de la lengua gallega e Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables), publicadas no século XX a través de Xosé Luís Pensado. No século XIX, os traballos de Manuel Leiras Pulpeiro (Vocabulario, ca. 1906, doado á Real Academia Galega en 1912), Francisco Mirás (Compendio de gramática-gallega-castellana, 1864) e Saco Arce (Gramática gallega, 1868) contribúen significativamente a conservar o acervo fraseolóxico galego.

Non é, porén, ata o século XX cando se sistematiza a inclusión das unidades fraseolóxicas nas obras lexicográficas, con achegas como a de Eladio Rodríguez (Dicionario enciclopédico gallego-castellano, 1958-1961), Carré Alvarellos (Gramática gallega, 1967), Crespo Pozo (Nueva contribución a un dicionario castellano-gallego, 1972-1985), Elixio Rivas (Frampas. Contribución al dicionario gallego, 1978 e 1988) ou o Gran Dicionario Xerais da Lingua (coord. Carballeira Anllo, 2000). Iníciase, tamén, a produción de traballos estritamente fraseolóxicos, como os de Noriega Varela (Como falan os brañegos, 1928), Hernán Núñez (Refranes o proverbios en romance, 1955), Navaza (coord.) (Dicionario Xerais castelán-galego de usos, frases e sinónimos, 1990), Graña Núñez (Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega, 1993), López e Soto (Así falan os galegos. Fraseoloxía da lingua galega, 1995). Por último, realízase un labor de depuración das unidades recollidas en obras lexicográficas anteriores, mediante a normativización e escolla da fraseoloxía propiamente galega, como se reflicte na Enciclopedia Galega Universal (1998) ou no Dicionario Cumio de expresións e frases-feitas castelán-galego (coord. Pena Romay, 2001), que contén, ademais, expresións vivas na oralidade ou de nova creación.

Na actualidade, o núcleo das investigacións fraseolóxicas atópase nas universidades e, particularmente, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia, onde se desenvolve o proxecto Fraseoloxía galega, que publica anualmente estudos, recadádivas e resultados de investigación a través dos Cadernos de fraseoloxía galega

Singularidades xeográficas e lingüísticas de Valdeorras

A bisbarra de Valdeorras linda coa provincia de Lugo e a comarca leonesa do Bierzo, á vez que dista 100 quilómetros da capital ourensá. Esta particularidade xeográfica supón que distintos trazos lingüísticos conflúan e conformen un dialecto propio con algunhas singularidades lingüísticas. Dos tres bloques dialectais do galego, a variedade de Valdeorras enmárcase no oriental-central (Fernández Rei, 2003), onde constitúe unha subárea con trazos propios que a diferencian dentro do seu grupo. Ademais, a isoglosa muito/muto permite distinguir dúas microsubáreas no dialecto valdeorrés: Valdeorras occidental (con tendencia ao uso da forma muito), á que pertence a recolleita fraseolóxica desta contribución, e O Bolo-Viana (con tendencia ao emprego da forma muto)

Os trazos lingüísticos característicos da fala valdeorresa percíbense na morfoloxía, no léxico e, por suposto, tamén na fraseoloxía (Estévez Rionegro, 2014). Así, a palatalización do a átono (a>e) e a ditongación (a>ei) nos advebios de lugar (eiquí, , elí) característica de Valdeorras aparece, por exemplo, na fórmula Eí vai un! Noutras, como Virxe das Pimpirilliñas, madre casaime!, obsérvase a tendencia á formación do imperativo dos verbos da primeira e da segunda conxugación en -ai e en -ei. Tamén a formación do plural en -is nos substantivos e adxectivos rematados en -n emerxe en refráns como Comer fungos con aprehensión, fan dano ata os bois, onde o adxectivo bo, na variante de Valdeorras bon, se emprega na forma de plural bois.

Se ben non é doado determinar a procedencia das unidades fraseolóxicas, existen algunhas chaves máis aló da variedade dialectal que nos permiten identificala, como as fontes documentais, a presenza de topónimos, a alusión a feitos históricos ou a mención a cultivos, produtos típicos ou costumes característicos dun lugar.

Nunha fórmula como Trapalatrá, María Manuela, as fontes lexicográficas permiten identificar a palabra trapalatrá como variante de trápele-trápele, que se define no Apéndice ó Diccionario de Eladio Rodríguez (1961) como “individuo hablador en demasía y poco sensato”. Pola súa banda, trápele aparece na locución verbal darlle ao trápele, que se aplica, na fala valdeorresa, ao feito de “falar moito con alguén, estar de parola” (Estévez Rionegro, 2014). Da mesma familia léxica é o substantivo trapelo, presente na expresión ser un trapelo/a e documentado tanto no Apéndice ó Diccionario de Eladio Rodríguez (1961) como en Franco Grande (1972) co significado de “charlatán, que todo lo habla sin guardar secreto”, en Otero Álvarez (1977) como “trapeleiro”, en García González (1985) como “cuentista”, en Rivas Quintás (2001) como “charlatán, armadanzas” e no Diccionario da Real Academia Galega como “que trapelea e non garda segredos”. O verbo trapelear, que emprega a Academia na súa definición, presenta a variante de trapalear no dialecto valdeorrés, rexistrado en Constantino García González (1985) co significado de “conversar confundiendo las cosas”. En consonancia con tralapear, a forma anterior trapalatrá presenta a vogal central aberta no lexema (e>a).

A presenza da toponimia nas unidades fraseolóxicas permite localizalas xeograficamente, ben por ser un topónimo da zona (Petín alagado, San Paio ao río) ou ben por nomear outras zonas que a acoutan e permiten identificala (Cando as nubes corren pró Cebreiro, colle a capa e o sombreiro; cando corren pra Viana, colle os bois e vai á arada). Xeralmente, son refráns que exaltan as características positivas dos lugares,como a súa beleza (Vilamartín, de España, o xardín) ou a súa relevancia nun feito histórico (Petín pitou porque non pasou), pero tamén as negativas, produto de rivalidades que tratan de ridiculizar ás parroquias, lugares ou vilas dos veciños (Fontei, pobo sen leiPetín, pobo sen fin; Larouco, pobo de loucos). Noutras ocasións, non é o topónimo senón o xentilicio o que permite ubicar o refrán: vaca da montaña e boi valdeorrés.

No entanto, a fraseoloxía non só reflicte a fala dun pobo, senón tamén os seus costumes, tradicións ou produtos autóctonos. Non é de estrañar, por tanto, que na fraseoloxía de Valdeorras emerxan os saberes sobre o coidado dos viñedos (Cáveme quen queira, pódeme quen saiba), a recolecta da castaña (en agosto arder e en setembro beber) ou a identificación dos fungos (Vale máis fungo perdido que comido), pero tamén o carácter festivo que celebra o resultado arredor da mesa e é retrato da vida social nas adegas: Bota pin bota botarrín de bota rota, quen non diga sete veces “bota pin bota botarrín de bota rota” non bebe viño desta bota. Os lemas festivos son, de feito, especialmente produtivos na fraseoloxía de Valdeorras de nova creación: Eu Petín e repetín e Do mar, o mero e do Barco, o botelo son, probablemente, os máis ilustrativos.

En definitiva, a análise das expresións fixas, as frases feitas ou os refráns permite trazar un retrato auténtico da fala, os costumes e o carácter dunha comunidade. A fraseoloxía de Valdeorras é, como queda demostrado, un innegable testemuño lingüístico da súa microsubárea dialectal, pero tamén, un espello da súa idiosincrasia, a súa cultura e as súas xentes.

Referencias bibliográficas

Enciclopedia Galega Universal (1999). Ir indo.

Estévez Rionegro, Noelia (2014): Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 305-317.

Fernández Rei, Francisco (2003): Dialectoloxía da lingua galega. Xerais.

González González, Manuel (dir.) (2012): Dicionario da Real Academia Galega. Real Academia Galega.

Santamarina Fernández, Antón (dir.) (2006-2013): Dicionario de dicionarios. Corpus lexicográfico da lingua galega. Santiago de Compostela, Instituto da LinguaGalega, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo.

CO APOIO DE

Logo da Xunta de Galicia
Erro
Éxito

Mensaje