Artigos

Dicionario do Galego do Bierzo

Unha fala chea de matices e de pasos compartidos

Autor/a:
Sara Rodríguez Fernández
Data:
1/10/2025

O Bierzo, eilí onde as montañas parecen conversar co ceo de Valdeorras, conta cunha fala chea de matices e de pasos compartidos. As fronteiras da lingua son, en realidade, camíns que se cruzan, e o Bierzo é un deses camíns onde a memoria se fai palabra.

O Dicionario do Galego do Bierzo (DGB) xorde da necesidade de gardar o son das nosas voces e a memoria das palabras que deron nome ao mundo nas aldeas, nas lareiras, nas montañas e nas leiras desta comarca. O propósito resultou en recompilar, baixo un mesmo teito, o léxico que tantas persoas empregaron e aínda empregan no Bierzo occidental, onde o galego segue a falar por riba das fronteiras e das xeraciois. Grazas ao noso pobo, hoxe o Bierzo conserva unha rica linguaxe que bebe das fontes do galego, do leonés e do castelán, mais tamén comparte coa fala de Valdeorras muito máis que os niallos dos paxaros.

 O DGB abrangue arredor de 15 000 entradas que recollen parte da historia do Bierzo. A súa existencia non responde só a un interese filolóxico; nace tamén dun sentimento e dunha vontade de dar valor a unha lingua que é parte inseparable da nosa identidade. Recolle voces procedentes dos dezaseis concellos onde o galego histórico e actual ten presenza: Arganza, Barxas, Borrés, Cacabelos, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Oencia, Ponte de Domingos Flórez, Toural dos Vaos, Trabadelo, Valboa, A Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce e Vilafranca, así como de varias parroquias e pedanías de Fabeiro, Peranzais e Ponferrada.

O DGB naceu grazas á herdanza de muitas xeraciois que transmitiron a súa fala coa mesma naturalidade coa que se sementa un campo, mais tamén grazas á consulta e ao baleirado de obras bibliográficas, hemerográficas e lexicográficas dos dous últimos séculos. Ademais, apoiámonos en estudos que describiron a realidade histórica, lingüística e sociolingüística da comarca, así como en vocabularios e traballos lingüísticos que permitiron coñecer a variedade e a riqueza das falas locais. Cada investigadora e investigador que estudou o Bierzo deixou nel unha luz distinta, un modo de entender a lingua como parte do territorio e da alma. Nós recollemos esa luz e fundímola coa nosa experiencia, coas palabras familiares que herdamos en Carracedelo e coas voces do noso pobo que aínda hoxe se escuitan. O resultado é un crisol de voces e un mapa vivo do noso legado, porque cada termo é unha semente que fala da nosa xente, e cada definición, unha maneira de manifestar unha lingua viva.

O DGB constitúe, ademais, unha ferramenta de visibilización e autoestima colectiva. A súa existencia contribúe a reforzar o lugar do galego como patrimonio inmaterial e a ofrecer unha base sólida para a investigación filolóxica, educativa e cultural. Así, o DGB serve tanto á comunidade científica como á veciñanza, que nel poden atopar o reflexo das súas propias palabras e expresiois. O DGB non é só unha obra académica que partiu dun Traballo de Fin de Grao; é un exercicio de escoita e de gratitude. Muitas das voces que aparecen nel foron recollidas de persoas que xa non están, mais que deixaron o seu son gravado no vento. O seu testemuño lembra que a lingua é un ben colectivo, mais tamén profundamente íntimo, xa que cada palabra contén unha historia familiar, unha paisaxe e un modo diferente de entender o mundo. Hoxe, o DGB é tamén unha ferramenta social, xa que permite que as escolas e institutos do Bierzo coñezan o seu propio léxico, que as asociaciois culturais poidan difundir a súa fala e que os investigadores e investigadoras dispoñan de material de referencia. Deste xeito, o DGB convértese nun acto de futuro e nunha semente que aspira a que o galego do Bierzo siga florecendo nas voces novas. O obxectivo non consistiu só en recoller, senón tamén en ofrecer unha obra que faga sentir a lingua como algo vivo, que latexa no presente sen esquecer o pasado.

Agardamos que esta obra sirva para que o galego siga presente na cultura e na tradición bercianas e demais comarcas veciñas, e que, con constancia e amor pola lingua, novas xeraciois continúen tecendo este fío vivo para manter o Bierzo como un territorio de memoria, de lingua e de identidade. Cada entrada deste dicionario é unha pequena vitoria contra o esquecemento. O seu valor non reside só no número de voces recollidas, senón na conciencia colectiva que esperta. O noso desexo é que este traballo sexa máis que un libro; que sexa unha ponte entre xeraciois, un recordatorio de que o galego do Bierzo non é só un trazo, senón un corazón que latexa e unha memoria que camiña coas nosas vidas e coas nosas lembranzas. O galego do Bierzo corre por canles pequenas, pero fondas, alimentadas pola memoria e pola vontade. Mentres haxa quen o pronuncie, quen o escriba e quen o aprenda, a lingua seguirá viva, e o DGB será o seu espello e o seu recordatorio. Ningunha palabra é pequena cando a di un pobo enteiro.

<A primeira edición do Dicionario do Galego no Bierzo está esgotada pero pódese descargar en PDF AQUÍ>

CO APOIO DE

Logo da Xunta de Galicia
Erro
Éxito

Mensaje