O Proxecto

Un proxecto colaborativo de recollida do galego de Valdeorras, unha das claves da identidade da comarca. Coas aportacións da veciñanza pomos en valor a nosa fala e creamos o glosario co que soñaba Florencio Delgado Gurriarán.
imaxe de portada

A Fala de Valdeorras

Todas as linguas forman parte dun continuum. O do galego une a nosa fala coa portuguesa, coa asturiana, a llionesa e a castelá. Non son entes lingüísticos alleos ao tempo, aos movementos sociais e políticos ou aos condicionamentos do medio físico. Aínda así cada un entendemos a nosa fala como a canónica, a que nos deixan en herdanza como propia e única. Por iso a través da convivencia lingüística se identifican as nosas peculiaridades. Deste noso ser nace este proxecto, que nos quere falar do galego da nosa comunidade.

O galego de Valdeorras forma parte do bloque oriental da fala, conformando unha subzona lingüística xunto con Viana do Bolo. As peculiaridades léxicas da comarca teñen moito que ver coa súa identidade paisaxística e sociocultural con formas que identifican, por exemplo, a súa peculiar flora mediterránea, os seus oficios e as súas tradicións. Como zona de paso de comerciantes, de tradición mineira e viticultora, en Valdeorras cultivouse un léxico moi rico (louxeiro, vindimarego, relú…) e así o atopamos na obra de Florencio, quen empregou a lírica para poñer en valor a súa fala natal.

A intención

O Obxectivo principal deste proxecto é a recuperación, conservación e estudo do léxico propio da comarca. Proxectos coma este son a base de futuros estudos e investigacións cunha perspectiva fiel e eficaz da realidade lingüística local.

A ese interese filolóxico súmase ademais unha necesidade histórica, xa que moito dese léxico se atopa en desuso polas mudanzas no xeito de vida, pola castelanización da sociedade o que leva a un escaso uso do galego entre a mocidade. Xa non habitamos o mesmo mundo que antes e hai que actuar para conservar palabras e incorporalas novamente ao noso acervo lingúístico.

A metodoloxía e socialización.

Este dicionario aspira a ser un proxecto construído desde a base, no que os procesos particiapativos e de mediación cultural estean no centro da acción.
Partindo dunha metodoloxía con base científica de recollida, validación e publicación de resultados deseñamos a segunda fase cuns procesos participativos e de mediación cultural (obradoiros en centros educativos, grupos de veciñanza, traballo de campo…), que introducen como ferramenta dinámicas dixitais.

Esta web será clave para elo, xa que o obxectivo deste dicionario é expandir a identidade lingüística de Valdeorras e no proceso, construír unha autoestima renovada pola lingua propia. Así activaranse novas relacións na comunidade e incentivarase o interese dunha crecente poboación migrante.

AXENTES

VALORES

Colabora

Comparte unha palabra en valdeorrés